Monday 29 de April de 2024

O Concello restaurará o Cruceiro de Labañou, declarado elemento BIC polo seu valor histórico


O Goberno de Inés Rey avanza na posta en valor do patrimonio coruñés, cumplindo cunha demanda veciñal do barrio

O Concello da Coruña iniciou os procedementos administrativos para a restauración do ‘Cruceiro de Labañou’. O Goberno de Inés Rey avanza así na posta en valor do patrimonio cultural e histórico da cidade, cumplindo cunha demanda dos veciños e veciñas do barrio de Labañou.
O denominado ‘Cruceiro de Labañou’ foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola súa relevancia material e cultural cuxa orixe podería estar vinculada principalmente a dous factores. Dunha banda, á instauración dos canons iconográficos trentinos, fundamentalmente tras a finalización do Concilio Provincial de Compostela no 1565. Por outra, ao afianzamento e expansión do franciscanismo laico da Venerable Orde Terceira (VOT) na Coruña entre os anos 1673 e 1834. Ambas cuestións contribuíron á conformación do novo imaxinario relixioso do período e, posiblemente, ao reforzamento e predominio dos cruceiros na cultura popular de Galicia.
A restauración, que conta cun orzamento de 14.000 euros, atenderá tanto ás necesidades de reparación existentes como á mellora do estado de conservación e preservación do elemento para os vindeiros anos. Os traballos centraranse, principalmente, no tratamento de faltantes e restablecemento de elementos decorativos, xunto coa limpeza e eliminación de vexetación e microorganismos e a aplicación de métodos de control para a ploriferación dos mesmos (especialmente vexetación adventicia, briofitos, fungos, algas e liques). Tamén se nivelarán e modificarán, se procede, os rasantes e firmes actuais mellorando a planitude da superficie.
Para a execución dos traballos levarase a cabo o desmonte, siglado e clasificación das pezas do cruceiro, que serán restauradas e reinstaladas posteriormente. O proceso conta cunha duración total estimada de nove meses, tendo en conta a realización dos traballos e a posterior entrega e valoración pola dirección xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, deacordo coa súa natureza de Ben de Interese Cultural. A restauración será coordinada pola restauradora e conservadora Rocío Barreiro Lopo, graduada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.